Mar das Illas 2. Sostibilidade e Boas Prácticas na Pesca – Turismo.
Mar das Illas 2. Sostibilidade e Boas Prácticas na Pesca – Turismo.
Con motivo do éxito de participación na anterior edición do proxecto Mar das Illas comeza agora unha nova etapa que ten como principal obxectivo promover o desenvolvemento por parte do sector pesqueiro de actividades de diversificación que permitan visibilizar e garantir a sostibilidade das súas prácticas no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a través da formación e da regulación de melloras da comercialización de produtos e servizos da pesca no PNMT das Illas Atlánticas de Galicia. O proxecto está promovido novamente polo Galp Ría de Pontevedra, Galp Ría de Arousa e o Galp Ría de Vigo- A Guarda.
Trátase pois dunha nova oportunidade na que poderán participar nos cursos formativos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG aqueles que non o conseguiron na primeira edición. Pero ademais haberá novos cursos formativos sobre Pesca Sostible.
Os principais resultados que se agardan obter co proxecto son:
•A elaboración dunha regulación sectorial de turismo mariñeiro que promova a pesca –turismo e o turismo mariñeiro sostible no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas garantindo o correcto uso e estado de conservación ambiental e ecolóxico do parque e a súa área de influencia.
•A realización dun Código de Boas Prácticas para o sector pesqueiro que permita a mellora da sostibilidade garantindo a continuidade dos recursos pesqueiros e marisqueiros no entorno do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a súa visibilización a partir do desenvolvemento dun distintivo de procedencia segundo se recolle no PRUX do PN.
•Outorgar as ferramentas para a realización de actividades de turismo mariñeiro nas Rías Baixas polo Sector Pesqueiro facendo fincapé no uso sostible dos recursos .
•O reforzo da gobernanza e o empoderamento do sector pesqueiro das Rías Baixas a partir da súa participación en programas de formación, que van a mellorar as capacidades dos mariñeiros/as, mariscadoras e outros colectivos relacionados co sector pesqueiro que queiran desenvolver actividades turismo mariñeiro e pesca – turismo.
Agardamos con entusiasmo comezar esta nova singladura e agradecemos a boa acollida de Mar das Illas 1.