Mar das Illas 3: APOIO AO DESENVOLVEMENTO DE INICIATIVAS TURÍSTICAS DENDE O SECTOR PESQUEIRO.

Mar das Illas 3: APOIO AO DESENVOLVEMENTO DE INICIATIVAS TURÍSTICAS DENDE O SECTOR PESQUEIRO.

Os Grupos de Acción local do Sector pesqueiro das Rías Baixas (GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda) presentaron este proxecto á convocatoria de proxectos de Cooperación que financian a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca co obxectivo de dar continuidade ás iniciativas desenvolvidas dende hai dous anos para promover o turismo mariñeiro dende o sector pesqueiro e contribuír á encaixar os proxectos turísticos do sector nun marco legal de regulación desta actividade nalgúns casos aínda por desenvolver.
MAR DÁS ILLAS 3 representa, polo tanto, a terceira etapa dun ambicioso proxecto que aposta pola diversificación do sector pesqueiro cara ao turismo. O proxecto está focalizado no ámbito marítimo do Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e orientado cara o sector pesqueiro que faena no mesmo. Mais dende a realización do proxecto GOBPESC tense unha información relevante sobre a importancia socioeconómica da pesca e como calquera alteración da mesma afectaría ao conxunto da flota das Rías Baixas, é dende esta óptica que o proxecto estende o seu ámbito de influencia ao conxunto das Rías de Vigo – A Guarda, Pontevedra e Arousa ao través da participación conxunta dos GALPs destes territorios.

As pasadas edicións de MAR DAS ILLAS foron acollidas con gran entusiasmo por parte do colectivo destinatario, quen amosou moito interese por poder diversificar a súa actividade pesqueira con actividades de Turismo Mariñeiro en xeral e da modalidade de Pesca Turismo en particular. Nestas edicións pasadas realizáronse cursos formativos de Iniciación ao Turismo mariñeiro no ámbito do PNMTIAG así como de Pesca e Turismo Sostible no ámbito do PNMTIAG. Nos anos 2017-2018 formáronse 120 profesionais do mar como guías turísticos no entorno do PNMTIAG. Así mesmo editáronse diferentes guías co obxectivo de que sexan material de apoio e consulta á hora de diversificar cara ao Turismo Mariñeiro. Tamén se elaborou unha proposta de regulación do turismo mariñeiro en Galicia atendendo ás inquedanzas e achegas do sector por mor da inexistencia do desenvolvemento da regulamentación que se mencionan no Capítulo 2 da Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia.

MAR DAS ILLAS 3 quere dar continuidade ao esforzo e traballo realizados por estes profesionais nas fases anteriores coa posta en marcha de diferentes accións entre as que destacan a titorización de proxectos de Turismo mariñeiro e a posta en marcha de proxectos piloto de Turismo Mariñeiro e a súa especificidade de Pesca-Turismo, atendendo ao novo marco normativo que regula esta actividade, de recente aprobación: Real Decreto 239/2019, de 5 de abril, por el que se establecen las condiciones para el desarrollo de la actividad de pesca-turismo:
– Programa de Titorización de Iniciativas Turísticas: o obxectivo é asesorar aos participantes nos dos principais aspectos para poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro e pesca-turismo adaptado a nova lexislación nacional e autonómica (adaptacións das embarcacións, seguridade social, fiscalidade, subvencións…) Incluirá orientacións na obtención das autorizacións e permisos así como a redacción dun Programa Interpretativo das actividades que se pretendan levar a cabo (creación de experiencias).
– Organización e apoio de proxectos piloto de turismo mariñeiro: a Comisión de Seguimento e Dirección seleccionarán alomenos tres proxectos para poñer en marcha nun piloto. A cidadanía participará na posta en marcha destes proxecto piloto.

Ademais esta fase do proxecto Mar das Illas inclúe outras accións de apoio as iniciativas turísticas como:
– Formación: realización de novas edicións dos cursos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro e Sostibilidade e Boas Prácticas. Obxectivo: ofrecera a oportunidade de formarse a todos/as profesionais que non puideron facelo nas primeiras edicións.
– Deseño de protocolos de atención ao público, emprendemento e atención a persoas con diversidade funcional. Obxectivo: facilitar ferramentas que axuden á posta en marcha e mellora da calidade das actividades ofertadas.
– Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro: co obxectivo de presentar os resultados do proxecto piloto e de coñecer outras iniciativas de turismo mariñeiro emprendidas no noso país e noutros países do noso entorno.