Real Decreto para a regulación da Pesca-Turismo

Real Decreto para a regulación da Pesca-Turismo

Xa está publicado o Real Decreto polo que se establecen as condicións de complementariedade e compatibilidade das actividades pesqueiras e o turismo.

O obxectivo deste RD é regular o desenvolvemento da actividade de conformidade cunhas medidas que proporcionen a adecuada seguridade e habitabilidade a aquelas persoas que desexen contemplar, a bordo de buques pesqueiros, o desenvolvemento habitual dos traballos.

Para o exercicio da actividade, o buque deberá estar dado de alta no Rexistro Xeral da Flota Pesqueira e contar co previo informe favorable do Ministerio de Fomento, relativo ás condicións de seguridade marítima, da navegación, da vida humana no mar e da prevención da contaminación, así como dispoñer do seguro de responsabilidade civil en vigor ou outra garantía financeira equivalente.

A realización da actividade de pesca-turismo será compatible coa actividade pesqueira para a que o buque estea autorizado, levándose a cabo de acordo coas condicións establecidas na normativa aplicable no relativo ás épocas, horarios, límites de capturas, artes de pesca, vedas, zonas autorizadas e calquera outra condición, incluíndo as titulaciones necesarias para o seu exercicio.

O Real Decreto aprobado hoxe dá resposta a unha demanda do sector, enmarcada dentro dos obxectivos da Política Pesqueira Común. Ao mesmo tempo garante a contribución das actividades da pesca e acuicultura á sostenibilidade medioambiental, económica e social a longo prazo, mediante a introdución de medidas de diversificación que ligan a poboación ao territorio, aportando unha mellora nas súas rendas e servindo tamén para a promoción e a valorización do seu traballo.

Mar das Illas 3 impulsará a  posta en marcha de proxectos de Pesca-turismo ao través de titorías personalizadas para aqueles profesionais do mar que desexen diversificar o seu traballo cara ao turismo. Asimesmo, de entre todos os proxectos presentados, serán seleccionados 3 de cada territorio dos 3 Galps implicados (Galp Ría de Pontevedra, Galp Ría de Vigo – A Guarda, Galp Ría de Arousa) para organizar un proxecto piloto que permita testar estas iniciativas.

Podedes descargar o Real Decreto na seguinte ligazón:

REAL DECRETO DE PESCA-TURISMO

https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2019-5816