Proxectos piloto no ámbito do GALP Ría de Vigo – A Guarda.

Proxectos piloto no ámbito do GALP Ría de Vigo – A Guarda.

A finais de xullo e principios de agosto leváronse a cabo os piloto dos proxectos seleccionados no ámbito do GALP Ría de Vigo-A Guarda En ambos proxectos os invitados que participaron quedaron encantados co bo facer dos promotores, o modo de transmitir as mensaxes, e a estrutura e dinamismo de ambas experiencias de turismo mariñeiro. Presentamos a continuación un pequeno resumo de cada piloto:

PESCA-TURISMO  a bordo do Nuevo Dos Victorias. Cangas.

Partimos do porto de Cangas a bordo do Nuevo Dos Victorias , e navegamos cara ao arquipélago das Illas Cíes, pertencente ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), para descubrir a cara oculta destas illas e a pesca coa arte do palangrillo nas súas augas máis bravas e descoñecidas.

Da man de Javier Costa, patrón do barco, patrón maior da Confraría de Mariñeiros San José de Cangas e Guía Acreditado de Turismo Marinero no ámbito do PNMTIAG descubrimos que a súa elección de pescar con palangrillo non é un capricho senón que resulta unha aposta pola pesca artesanal, selectiva e sostible e pola alta calidade das capturas obtidas: peixe fresco, do día, artesanal, de gran talla e capturado nas mellores augas, as augas do parque nacional.

Esta experiencia de pesca-turismo permitíunos navegar ao pé dos cantís da cara oeste do arquipélago de Cíes para marabillarnos da súa altitude e fortaleza, da forma caprichosa das súas rochas graníticas, observar as aves mariñas como gaivotas, corvos mariños ou pardelas, e descubrir os recunchos e illotes máis descoñecidos como o illote Boeiro ou Agüeiro. Houbo empo tamén para relaxarnos tomando un aperitivo namentres admiramos a cara máis amable das illas, coas magníficas dunas de Muxieiro ou a praia de Rodas. Toda unha viaxe que combina aventura, emoción e paixón pola pesca, polo mar e polas Cíes e a súa biodiversidade.

 

 

TURISMO MARIÑEIRO. Marisqueo a pé. Redondela.

Nesta actividade de turismo mariñeiro descubrimos tesouros que dende moi antigo están agochados na enseada de San Simón, ao fondo de ría de Vigo, moi preto do lugar no que no ano 1702 aconteceu a famosa batalla de Rande na que os galeóns hispano-franceses cargados de tesouros procedentes de América foron asediados e afundidos pola flota anglo-holandesa.

Comezamos a actividade en Cesantes, ao carón do edificio da Confraría de Pescadores San Juan e alí os guías (mariscadoras profesionais pertencentes a Asociación Amarturmar) nos convidaron a portarnos ben e a cambio nos amosarían os tesouros de Rande. Pero a nosa sorpresa foi que os tesouros que nos amosaron non ían a bordo daqueles galeóns, senón que son outros, etes están vivos,  e medran e se reproducen nos fondos arenosos da ensenada e son de gran importancia para a economía da zona.

Os mariscadores e mariscadoras que coidan, vixían e extraen estes tesouros, mostrarannos como é o seu día a día a través dunha visita interpretativa na que puidemos coñecer como se organizan, como son as súas ferramentas, as especies que capturan e como garanten a calidade destes produtos, auténticos tesouros que perduran no tempo e son fonte de vida.