A Xunta e as confrarías toman medidas ante o furtivismo de bañador
A Consellería do Mar vén de poñer en marcha a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, que ten como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación. Esta iniciativa vénse desenvolvendo desde o 20 de xullo e prolongarase ata o 17 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas.
A campaña de sensibilización consiste na realización de 50 accións en 35 areais de 21 concellos costeiros, 11 deles na Coruña, nove en Pontevedra e un en Lugo. A través dela realizarase unha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o labor que hai arredor do marisqueo e dos profesionais que traballan nesta actividade.
Ligazón: https://www.xunta.gal/mar