EMPRENDEMENTO EN TURISMO MARIÑEIRO: AMARCARRIL

EMPRENDEMENTO EN TURISMO MARIÑEIRO: AMARCARRIL

AmarCarril (Asociación Mariscadoras de Carril) é un dos exemplos de emprendemento en turismo mariñeiro postos en marcha nos últimos tempos nas rías baixas de Galicia. As súas integrantes participaron tamén nos cursos formativos en turismo mariñeiro de Mar das Illas e continúan divulgando a súa actividade por medio de visitas dirixidas a diferentes colectivos. Ofrecemos a continuación información sobre os seus obxectivos e actividades que realizan:

 

AmarCarril nace do convencimento de que é necesario seguir transmitindo a historia do marisqueo a pé e das mariscadoras galegas ás novas xeracións e, ao mesmo tempo, inculcar na sociedade un crecente respecto e consideración por esta profesión.

AmarCarril enfoca a consecución dos seus obxectivos mediante a realización de diversas actividades, entre as que destacamos:

1. Realización de actividades formativas para alumnos de Educación Primaria que, de xeito divertido e amena, abordan os obxectivos de AmarCarril. A poboación obxectivo da proposta, dado que a nosa capacidade de chegar á sociedade en xeral é moi limitada, restrínxese aos escolares de primaria tendo en conta que:

  • Deben constituír a base da substitución xeracional do marisqueo a pé.
  • Son unha magnífica correa de transmisión de cara aos seus pais e outros familiares.
  • Deben coñecer, e debemos transmitirlles, tanto a propia historia do marisqueo a pé de Galicia como o profundo respecto por unha profesión digna, xeradora de riqueza económica e onde as actividades do furtivismo non deben ter cabida.

2. Talleres de Marisqueo a pé, que consistem nunha actividade destinada a que calquera persoa ou colectivo coñeza e descubra, de xeito directo, o labor que desenvolven as mariscadoras. Esta actividade realizase en Carril (Vilagarcía de Arousa), concretamente en diversos parques de cultivo, onde mostramos, dun xeito práctico e directo, os distintos labores do marisqueo: extracción de exemplares, as distintas artes e a súa manexo, xestión de tallas e especies, punto de control e demais labores e técnicas empregadas na fase de cultivo e extracción dos mariscos.

Ademais de poñer en valor o traballo do marisqueo a pé, transmítese aos asistentes información sobre a sostibilidade económica e social das actividades do marisqueo a pé, o seu respecto co medio ambiente e a súa integración na economía costeira local, recalcando especialmente a convivencia das actividades do marisqueo na zona coa existencia dun Parque Nacional como é o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, concretamente a Illa de Cortegada e a súa contorna.

AmarCarril fainos sentirnos orgullosas de ser capaces de adaptar as nosas actividades, especialmente os Talleres de Marisqueo, aos distintos grupos de persoas con algunha discapacidad; deste modo puidemos realizar talleres coa ONCE, BATA …. nos que o seu desenvolvemento nun medio complicado como é a zona intermareal de Carril non supuxo ningún tipo de obstáculo para os participantes nos obradoiros.