Proxectos piloto no ámbito do GALP Ría de Arousa
A finais de xullo e principios de setembro leváronse a cabo os piloto dos proxectos seleccionados no ámbito do GALP Ría de Arousa. Neles os promotores amosaron as súas habilidades á hora de transmitir as mensaxes, estruturar e dinamizar a actividade de turismo mariñeiro. Presentamos a continuación un pequeno resumo de cada piloto:
TURISMO MARIÑEIRO. Marisqueo a pé. Pobra do Caramiñal.
Nesta actividade de turismo mariñeiro, na súa modalidade de marisqueo a pé descubrimos os tesouros da Pobra do Caramiñal, que se agachan soterrados na praia dos Areos. Cos integrantes da Asociación Mar da Pobra observamos as características duns singulares tesouros que son capaces de moverse e medrar. Nun entorno máxico, na ría de Arousa, vixiados polo cumio da Curota, amosáronnos como estes mariscos de cuncha, auténticos tesouros, nacen, medran e se reproducen, e como o mar e maila area lles conceden as mellores condicións para que poidan acadar a mellor calidade.
Os mariscadores e mariscadoras que no seu día a día coidan, vixían e extraen estes tesouros para que todos podamos gozar deles, amosarannos como é a súa profesión, as especies que capturan e como garanten a excelente calidade destes produtos marisqueiros. Nesta experiencia de turismo mariñeiro tivermos a oportunidade de experimentar o uso das ferramentas e de sentir no noso lombo o esforzo que é necesario realizar para conseguir atopar os máis importantes tesouros da Pobra do Caramiñal: as súas ameixas.
PESCA TURISMO. Barco de batea. Vilanova de Arousa.
A bordo do barco bateeiro Mar-Pra, navegamos bordeando a Illa de Arousa ata chegarmos a un polígono de bateas para descubrir que o cultivo do mexillón require moito esforzo e agudiza o enxeño.
Eduardo Martínez, Guía Acreditado de Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG, descubriumos os distintos tipos de embarcacións que poderemos observar no porto de Vilanova de Arousa así como as artes que utilizan. Deste xeito puidemos comprobar que as embarcacións están moi pensadas, adaptadas para extraer o recurso ao que se dedican, pero manteñen unha característica común: son embarcacións de tipoloxía artesanal que practican unha pesca sostible. Xa a bordo do bateeiro comprobamops as singularidades deste tipo de embarcacións, totalmente adaptadas para o seu traballo, e no caso do Mar-Pra con innovacións tecnolóxicas que o fan máis sostible e ecolóxico.
Nesta experiencia de pesca-turismo achegamonos a unha batea dende a que tiñamos unhas espectaculares vistas. Dende a nosa posición podíamos observar lugares tan emblemáticos como Areoso, Guidoiro Pedregoso, Rúa, a Illa de Arousa, e da outro lado da ría o impoñente cumio da Curota. Da man de Eduardo e a tripulación descubrimos a variedade e cantidade de traballos que ao longo do ano hai que realizar nestas infraestruturas, un traballo moi esforzado que agudiza o enxeño para obter cada ano un marisco de maior calidade. Ademais descubrimos que na batea non só viven mexillóns, senón que estes xardíns colgantes atraen a moitos seres vivos como poden ser as aves, peixes, algas ou multitude de invertebrados mariños que habitan as propias cordas onde se asenta o mexillón e que aproveitan a presenza deses parques de cultivo flotantes para establecerse e desenvolverse: ofiuras, anémonas, estrelas de mar, cogombros de mar, pequenos cangrexos, gambas fantasma e outros pequenos crustáceos, moluscos, poliquetos…