Proxectos piloto no ámbito do GALP Ría de Pontevedra.

Proxectos piloto no ámbito do GALP Ría de Pontevedra.

A finais de xullo e principios de agosto leváronse a cabo os piloto dos proxectos seleccionados no ámbito do GALP Ría de Pontevedra. En ambos proxectos os invitados que participaron quedaron encantados co bo facer dos promotores, o modo de transmitir as mensaxes, e a estrutura e dinamismo de ambas experiencias de turismo mariñeiro. Presentamos a continuación un pequeno resumo de cada piloto:

 

PESCA-TURISMO a bordo do Playa de Sanxenxo. Sanxenxo.

Da man de Sauro, Patrón Maior da Confraría de Sanxenxo e Guía Acreditado en Turismo Mariñeiro no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), os participantes no piloto puideron comprobar que a pesca artesanal é unha actividade vinculada ao respecto polo medio mariño, sostible e enraizada nunha xestión familiar, coa que se obteñen peixes e mariscos de extraordinaria calidade e frescura.

O Playa de Sanxenxo zarpou do porto de Sanxenxo e puxo rumbo ata o arquipélago de Ons, pertencente ao PNMTIAG, navegando a súa cara máis descoñecida, a cara oeste, e regresando ao través do estreito entre Ons e Onza.  Durante o percorrido Sauro foi desvelando os segredos da illa e dos diferentes tipos de fondos mariños e a biodiversidade que  neles habita.

Nesta experiencia de pesca-turismo, os participantes puideron coñecer de primeira man como é a pesca coa arte de enmalle coñecida como “miños” e comprobaron a súa selectividade, calidade das capturas (nesta ocasión foron rodaballos, coruxos, raias e sanmartiños) e o camiño que deben seguir para legalizalas e así garantir a trazabilidade das mesmas asegurando ao consumidor a calidade dun produto tan singular.

 

 

TURISMO MARIÑEIRO en portos e instalacións portuarias. Bueu.

Jose Manuel e Reveca, Guías Acreditados de Turismo Mariñeiro no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia,  ao longo desta actividade de turismo mariñeiro revelaron a alma mariñeira da vila de Bueu e como a vila foi evolucionando ata chegar a ser o que é hoxe.  Unha visita interpretativa na que descubrimos a esencia mariñeira de Bueu e a calidade dos produtos da súa ría, visitando diferentes espazos (porto, lonxa, praza, estaleiro, conserveira/museo…) e descubrindo como son no presente pero tamén como chegaron a ser o que son, nunha viaxe dende o pasado ata os nosos días.

Ambos promotores son expertos coñecedores do acontecido, pois eses feitos están ligados ás súas propias vidas. Durante o percorrido tivemos a oportunidade de descubrir cómo foron mudando as embarcacións de pesca, as diferentes artes empregadas, a importancia dunha flota artesanal e sostible para o mantemento dos recursos pesqueiros e marisqueiros, como é a extracción selectiva e sostible da navalla mediante mergullo, así como cal é o camiño que percorren as capturas ate chegar ás nosas casas e as etiquetas que garanten a súa trazabilidade e calidade.  Ademais, durante a visita tivemos a honra de coñecer a “Covelo” e “Celita”, grandes coñecedores destes mares e que podedes observar na foto.